Wednesday 24 de April de 2024

Máis de 550 traballadores da Xunta acolléronse xa ao réxime de xubilación parcial acordado entre administración e sindicatos


Este sistema, aplicable ao persoal laboral da Xunta, permite acceder a unha redución de xornada a partir dos 61 anos

Máis de medio milleiro de traballadores da Xunta acolléronse xa ao réxime de xubilación parcial acordado entre a Administración galega e as organizacións sindicais. En concreto, a Dirección Xeral da Función Pública aprobou 551 solicitudes de xubilación parcial para o persoal laboral da Xunta, un procedemento totalmente voluntario que o traballador pode solicitar a partir dos 61 anos.

O empregado público pode solicitar a redución da súa xornada entre un mínimo dun 25% e un máximo do 75%. As categorías profesionais que concentran maior número de xubilacións parciais son as de limpador, auxiliar de enfermería, auxiliar sanitario, camareiro, celador, axudante de cociña ou pinche de cociña.

Cada unha das xubilacións aprobadas pola Xunta tradúcese nun novo traballador ocupado, xa que todas as persoas que se acollen á xubilación parcial son substituídos por outro empregado público que cubre exactamente a parte da xornada que deixa de facer a persoa interesada. Polo tanto, este proceso non supón perda de efectivos, senón o mantemento do emprego e o rexuvenecemento dos cadros de persoal, xa que a persoa que realiza o relevo sempre ten menor antigüidade no posto de traballo que a persoa á que substitúe.

Así, as 551 xubilacións parciais xa aprobadas supuxeron o acceso á Administración galega doutras 551 persoas. Estas últimas son seleccionados a través das listas de contratación temporal da Xunta de Galicia, elaboradas ao abeiro do decreto 37/2006.

Antes de que a Xunta resolva favorablemente a petición de xubilación parcial, traballador e Administración teñen que chegar a un acordo sobre a xornada a realizar e a parte da xornada que pasará a asumir o relevista. En todo caso, a xubilación parcial facilita o tránsito progresivo dende o servizo activo á xubilación completa.

Condicións pactadas cos sindicatos
As condicións de acceso á xubilación parcial para o persoal laboral da Xunta establecéronse nun acordo subscrito de xeito unánime entre a Administración e os sindicatos con representación no Comité Intercentros de Persoal Laboral (CIG, CCOO, UXT e CSIF).

Ademais de ter cumpridos os 61 anos, as persoas solicitantes deben ter 30 anos cotizados e acreditar un período de antigüidade na Administración galega de polo menos seis anos inmediatamente anteriores á data da xubilación parcial.

Prioridade á lista de contratación temporal da Xunta
Ao mesmo tempo, a Consellería de Facenda e as organizacións sindicais CIG, CCOO, UXT e CSIF veñen de asinar un acordo que establece que, no momento de realizar calquera contrato de remuda por xubilación parcial, a Administración dará prioridade á lista de contratación temporal da Xunta para seleccionar ao remudista.

Ata agora, a lista de contratación temporal da Xunta xa era empregada pola Administración para a selección do primeiro remudista. A partir de agora, utilizarase tamén para a selección da persoa que substitúa a este remudista no suposto que este renuncie ao seu contrato.